Álvaro Antelo Santos, o nº 11 de Compromiso na Baña

Nacín no ano 86, no mellor dos lugares que se pode elixir: Suevos. Dende moi pequeno fun altamente activo e non concebín ningunha tarefa onde me poidera o aburrimento.

Polo traballo de meus pais tiven que vivir sempre na cidade, comezando por Caldas de Reis e trasladándonos logo para Santiago. Pese a isto, tódolos fins de semana, días de festa e veráns quería volver a miña terra de orixe, Suevos, porque é aquí onde escribo a miña historia, as miñas amizades, a miña familia, os campamentos, os cursos de piscina, as carrilanas, as festas… as tardes enteiras na pista de futbol… cada día en Suevos é mítico.

Moi pronto souben o que me gustaba na vida: o deporte, e decidín firmemente que ía dedicar o meu tempo no mundo da actividade física.

Os meus estudios secundarios e o bacharelato curseinos no instituto Eduardo Pondal, de Santiago de Compostela. Durante esta época foi medrando máis se cabe o meu interese pola actividade física. Pois podo dicir que tiven a gran sorte de poder competir nunha ampla variedade de deportes: fútbol sala, baloncesto, balonman (co equipo da Universidade), voley, tenis…

O soño de toda a vida foi poder estudialo INEF, pero unha lesión nun xeonllo ó abeiro das probas físicas de ingreso para a carreira impediu que me matriculara no ano que me correspondía. Porén, ó concluir o bacharelato considerei que non debía quedarme parado un ano e matriculeime no ciclo superior de Actividades Físicas e Deportivas. Ao rematar o primeiro ano pensei na posibilidade de matricularme no INEF, pero para entón o ciclo xa centrara a miña atención e decidín rematalo. Por sorte ou por desgraza antes de acabar xa tiña un traballo relacionado co deporte, no cal sigo actualmente. Trátase dun posto de instructor de sala na Sala de Acondicionamento Físico da Universidade de Santiago de Compostela, no que levo xa oito anos. Neste tempo procurei tamén formarme con cursos relacionados con este mundo: socorrismo, entrenador persoal, nutricionista, quiromasaxista… son algúns dos títulos que posúo. Este ano, e xa que dispoño de algo de tempo nos seráns, comecei o Grao en Mestre de Educación Primaria, porque considero que toda formación é pouca cando de servicio ás persoas se trata.

A miña decisión de entrar na política motivouna un suceso incrible e canto menos desagradable, que non procede explicar aquí, coa petición dunha instalación deportiva no Concello da Baña. E cal foi a miña sorpresa cando descubrín que a nefasta xestión non respondía a motivos persoais senón que era o proceder normativo. Un bo día, reunidas as persoas desta agrupación con cadansúa historia, consideramos a opción de formarnos como partido político para loitar contra a forma de traballar deste grupo de goberno, que de seguro non poderían escribir nin unha soa frase da súa biografía sen estaren relacionados co Concello, pois é do que viven.

alvaro