Álvaro Antelo Santos, nº 7 de Compromiso na Baña.

Alvaro 2

O meu nome é Álvaro Antelo Santos. Nacín fai 32 anos e son veciño de Faxín, lugar da parroquia de Suevos.

Toda a miña vida xira en torno ó deporte. Dende ben pequeniño tiven claro a que quería adicar o meu futuro e xa levo 12 anos traballando na quenda da mañá como instructor na sala de acondicionamento físico da Universidade de Santiago de Compostela. Durante este treito, ademais da sala, tamén ocupei o meu tempo en impartir clases de diferentes deportes polas tardes. Actualmente estou a piques de rematar a carreira de maxisterio de primaria con mención en educación física.

Gusto de participar en tódolos eventos, tanto sociais, culturais e deportivos que se organizan na Baña, de feito participo no equipo de veteráns de futbol que actualmente compite no noso concello.

A miña decisión de participar na vida política da Baña ven marcada por unha serie de trapalladas que experimentei dende a casa consistorial, todas involucradas no deporte (pagos a “escuras” para o uso de instalacións, deixadez na organización de eventos deportivos…) e ver como os nosos adolescentes resignados se teñen que ir ós concellos lindantes para poder continuar practicando deporte.

Farto deste panorama decidín aportar o meu graniño en todo o posible para provocar un cambio que mellore e coloque o concello da Baña onde se merece e isto só é posible en Compromiso por Galicia. Somos un grupo de xente xoven, formada e motivada, con ansia de traballar para tratar de sacar ó concello da Baña do atolladeiro no que está inmerso. Só vos pido que nos pasedes o testigo de goberno para relanzar a carreira do noso concello. Vós sódelo cambio!