Aclaracións sobre o proxecto de parque eólico nas parroquias de Fiopáns, Lañas e Monte.

O Concello da Baña está afectado por unha ADE (Área de Desenvolvemento Eólico) xunto con Val do Dubra e Santa Comba. Dentro dese ADE xa había 3 parques eólicos proxectados e cuxa última situación administrativa é a de declarados de utilidade pública: Campo Pequeno, Santa Comba e Vilamartiño. A maiores destes, presentouse unha solicitude para obter a autorización administrativa dun novo parque eólico de 9 aeroxeradores nas parroquias de Lañas, Fiopáns e Monte, tal como se mostra en cor rosa na seguinte figura.

Visor ADE Xunta
Na web do Rexistro eólico de Galicia da Xunta pódese consultar o visor no que se amosan os parques eólicos rexistrados: http://xuntasix.maps.arcgis.com/apps/webappviewer/index.html

En que situación administrativa está?

A tramitación deste novo parque está nos seus inicios. Presentado no 2017, a Xunta de Galicia aínda non realizou ningún avance.

A lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, denominada por asociacións ecoloxistas e colectivos sociais como lei de depredación de Galicia, incluíu varias modificacións da Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia, con varias medidas para reanimar o sector eólico, propoñendo a eliminación do sistema de concurso público para adxudicar novos parques. Hai que dicir que este sistema, ideado no bipartito, non está incluído na Lei 24/2013, do sector eléctrico.

Outra das medidas foi a creación do Rexistro eólico de Galicia para desenvolver os procedementos de autorización dos parques. Neste integranse os parques eólicos en funcionamento e os pendentes de executar. O prazo máximo para obter a autorización previa e de construción será de 3 anos desde que se presenta a documentación completa. Así mesmo, a empresa promotora terá 3 anos para solicitar a correspondente autorización de explotación.

Polo de agora presentouse unha solicitude para obter a autorización administrativa previa e de construción do parque eólico. Polo tanto o parque aínda está na primeira fase do procedemento de autorización. Tras o primeiro paso aínda terán que facerse as avaliacións ambientais pertinentes.

montaxe parque

Montaxe realizada con Google Earth cos datos do parque eólico de Troitomil obtidos do Rexistro Eólico de Galicia.
Nota: Aproximadamente, o centro das aspas correspondería ao lugar onde estaría a torre do aeroxerador.

Cales son as características do parque proxectado?

  • Potencia total: 31 MW.
  • Nº aeroxeradores: 9.
  • Produción anual estimada: ~106 GWh
  • Orzamento aproximado: 22 millóns de euros.
  • Total arrendamento de terreos do parque e liñas de alta tensión: ~90 mil euros anuais.
  • Imposto sobre construcións, instalacións e obras: 3%.
  • Canon eólico: 36.900 euros (en parques eólicos entre 8 e 15 aeroxeradores: 4.100 euros por cada unidade).
  • Imposto de bens inmobles especial e IAE: ~80 mil euros.

Cal é a postura da nosa agrupación?

Queremos que se informe de maneira clara, directa e ampla a todos os afectados e afectadas, tanto propietarios/as de fincas coma o resto da veciñanza, de todas as consecuencias e as posibilidades que supón a instalación dun parque eólico.

Indicamos dunha forma resumida cales son as vantaxes e desvantaxes dun parque eólico, despois que cada quen saque as súas conclusións.

Vantaxes:

  • Enerxía renovable: inesgotable, limpa.
  • Aumento de ingresos nas arcas municipais: imposto de obras (3% do orzamento de construción do parque, IBI de gravame especial, e IAE.
  • Alugueiro anual aos propietarios afectados. Se ben é certo que os de maior contía son as fincas onde se sitúa a zapata da torre do aeroxerador.
  • Posibilidade de que cos ingresos das arcas municipais se subvencione a enerxía eléctrica consumida pola veciñanza, como ocorre no concello de Muras (Lugo), que se desenvolvan subvencións destinadas ao illamento de vivendas ou mellora das telecomunicacións en zonas próximas aos parques eólicos, ou realización de proxectos ambientais con subvencións do fondo de compensación ambiental (canon eólico), que xestiona a Xunta de Galicia.
  • Creación de postos de traballo durante a construción e explotación.

Desvantaxes:

  • Impacto ambiental: coma toda construción, conleva emisións atmosféricas por maquinaria e movemento de terras, arrastre a cauces fluviais de materiais acumulados durante a obra, erosión do solo, ocupación do medio natural, desprazamento e eliminación de flora e fauna existente previamente; como no caso de aves que chocan contra as aspas.
  • Impacto paisaxístico: a pesar de que agora o número de aeroxeradores que se instala para unha mesma potencia é moito menor os que se instalaban na década dos 90 e 2000, este segue existindo. Menos número pero máis grandes. E non só impacto visual producido polos aeroxeradores, senón das liñas de evacuación da enerxía xerada.
  • Ruído: a pesar de que a distancia mínima entre un aeroxerador e unha vivenda sexan 500 metros, en moitos casos a veciñanza denuncia o ruído que produce o movemento dos aeroxeradores, sobre todo en días de néboa.
  • Interferencias electromagnéticas en sinais de televisión e telefonía móbil.
  • Risco de expropiación: se non se chega a un acordo coa empresa promotora, a declaración de utilidade pública do parque permite expropiar eses terreos, cunha ganancia inferior para os propietarios.
  • Risco de desprendementos das aspas do rotor.
  • Prohibición de arbolado: nas marxes das liñas eléctricas 5 metros desde a proxección do condutor máis externo, nas pistas 2 metros as frondosas e 4 o resto de especies, ao redor de cada aeroxerador 200 metros de diámetro.