A revista municipal. Un exemplo máis da falta de seriedade do señor alcalde e da falta de respecto cara CxG

O grupo de goberno volve ningunear as propostas de Compromiso por Galicia, nun claro exemplo da súa incapacidade para negociar co partido galeguista.

Nos últimos días todos os veciños e veciñas Baña están a recibir nos seus domicilios un exemplar da revista municipal que habitualmente adoita entregar o Concello por estas datas.

2019_REVISTA_Baña_baja-1Portada da Revista Municipal que están a entregar nos domicilios da Baña

Desde CxG, dada a forma de proceder do grupo de goberno respecto a este tema, consideramos  unha falta de respecto ao noso traballo como grupo da oposición, unha exemplo máis da ausencia de seriedade deste grupo de goberno que escenifica a inexistencia dunha programación real das actividades municipais e un exemplo do carácter autoritario e pouco participativo que quere impoñer esta alcaldía, aínda sabendo que está a gobernar en minoría.

A continuación explicamos os feitos que nos levan a considerar tal afirmación:

O señor Pereira ofrécelle a CxG a posibilidade de participar na revista municipal e desde CxG comunicamos o noso interese.

Nunha reunión informativa celebrada o 13 de novembro ás 19:00 horas á que asistimos os dous concelleiros de CxG e tamén membros do grupo de goberno, o señor alcalde fíxonos entrega dun guión da revista municipal indicando que ía encargarse dese traballo a empresa de comunicación ALICENTIS ao mesmo tempo que se ofreceu a que desde CxG fixeramos as pertinentes aportacións para a mesma. Nesa mesma reunión, César Ramos, secretario local e concelleiro da nosa agrupación,  comunicou que iamos a entregar nos vindeiros días unha proposta.

No pleno ordinario de 20 de novembro (só unha semana despois), César Ramos, como portavoz de CxG anunciou que desde CxG “íamos facer unha proposta para a revista municipal” e que a entregaríamos “nos vindeiros días”. Esta afirmación, nese mesmo pleno, non recibiu ningún tipo de contestación por parte da alcaldía nin de ningún concelleiro ou concelleira do grupo de goberno, como podemos observar nas imaxes do pleno publicadas na canle de Youtube municipal (xa que aínda non se aprobou a acta correspondente).

Momento exacto do pleno onde César Ramos manifesta publicamente o mencionado liñas atrás

CxG xa participara en anteriores edicións da revista municipal

Tendo en conta que desde CxG na anterior lexislatura xa fixeramos diferentes aportacións á revista municipal e que no pleno ordinario do mes de marzo de 2016, tal como especifica a acta nº 3 o grupo de goberno anterior expresara o seguinte: Nós non temos inconveniente en que fagades suxestións, acheguedes ideas, consensuar imaxes ou temas para confeccionar diversos temas. Estamos abertos a recibilos. Tanto no referente aos calendarios como á revista estamos abertos a todo tipo de suxerencias”.

Como nota aclaratoria, mencionar que a concelleira de cultura do grupo goberno da anterior lexislatura, responsable daquela da coordinación da revista municipal, dábanos un tempo prudencial para entregar os artigos e para poder revisalos coa suficiente antelación antes da súa publicación.

Só 14 días despois do ofrecemento do alcalde entregamos unha proposta para a súa publicación e o alcalde contéstanos que non é posible a súa inclusión debido ao seu “estado avanzado de maquetación”

O día 27 de novembro (só 14 días despois do ofrecemento do señor alcalde a que desde CxG fixeramos aportacións á revista) entregamos no rexistro municipal unha instancia mostrando a vontade de colaborar na redacción da mesma e solicitando que se tivera en conta a publicación dunha relación de seis artigos que tamén especificamos na propia instancia (todos os artigos tiñan relación con actividades celebradas no noso Concello nas que participou o noso grupo político). Tamén solicitamos que se nos entregara con anterioridade á súa publicación unha copia do texto a publicar e de ser necesario, solicitarnos más información ao respecto ou incluso a propia redacción dos mesmos.

O 4 de decembro de 2019, recibimos comunicación asinada polo señor alcalde con rexistro de saída 201900000000743 e con data de 29 de novembro onde se nos di textualmente “En contestación á súa solicitude de inclusión de noticias na vindeira revista municipal, comunícolle que dado o avanzado estado de maquetación de dita revista, resulta difícil a inclusión de todas. Non obstante, na medida do posible incluiranse algunha delas”.

Como é posible que o alcalde ofreza a CxG participar na revista e poucos días despois nos comunique que non é factible?

A propia comunicación non especifica qué artigos se publicarán, nin se nos envía a redacción final dos mesmos tal como solicitabamos. Asemade é incompresible que desde a alcaldía se nos ofreza entregar unha proposta para que o noso grupo político poida participar na revista municipal, de igual xeito que en anteriores edicións, e só 16 días naturais despois se nos comunique que o estado de maquetación xa se atopa nun estado ”avanzado”.

Desde CxG, entendemos esta forma de actuar do señor alcalde como unha falta máis de respecto cara a nosa agrupación e un exemplo máis da falta de capacidade e organización deste grupo de goberno, polo que decidimos entregar unha instancia para solicitar que non se procedera á publicación da revista ata que o contido da mesma fora consensuado e se redactara un informe motivado sobre a aceptación ou non da publicación de cada un dos artigos solicitados, así como tamén se incluira na orde do día do seguinte pleno un punto sobre a revista municipal.

Dende CxG agradecemos a actitude da concelleira de cultura, Mónica González.

Días despois puxémonos en contacto coa concelleira de cultura, a señora Mónica González, responsable da coordinación desta publicación, para transmitirlle de forma directa o noso descontento e pedirlle as oportunas explicacións.  Mónica González, comprende o noso descontento, trasmítenos a vontade da súa concellaría para chegar a un acordo para a súa publicación, dado que descoñecía en parte a problemática real, envíanos unha copia da revista, acepta a modificación puntual de algún dos seus artigos e comprométese a consensuar na medida do posible vindeiras publicacións, tal como propoñíamos desde CxG.

IMG-20190629-WA0004Concelleiros e concelleiras do PSOE nun pleno municipal

O feito de tentar dialogar e a actitude conciliadora, de cooperaración e responsabilidade de Mónica González deu pé a que desde CxG non nos opuxeramos á publicación da mesma xa que entendemos que sería un prexuízo económico para o Concello da Baña a non publicación,  aínda non estando de acordo completamente cos seus contidos, coa finalidade da mesma e coa forma de actuar autoritaria e pouco participativa do señor alcalde.

Con todo, esperamos poder tratar este asunto no seguinte pleno municipal e que a revista municipal se convirta realmente nunha publicación plural, aberta, participativa, informativa e cultural na que teñan cabida todos os colectivos do Concello da Baña e desta forma deixe de ser un “instrumento de propaganda do grupo de goberno”.