A praza de traballo social segue sen cubrirse máis dun mes despois da renuncia da titular

No pasado pleno ordinario de 30 de maio de 2018 o noso concelleiro César Ramos facía a seguinte pregunta:

“O pasado mes de abril enterámonos, como sempre pola prensa, non por medios municipais  como debería ser, que a traballadora social do Concello, Susana Pazos Meijide substituirá á exconcelleira do PP da Coruña, Lucía Canabal na Corporación do Concello da Coruña. Polo tanto é evidente un cambio no posto de “Traballo Social”. Queremos saber cando cederá das súas funcións e como se seleccionará ao novo traballador ou traballadora. Así mesmo, solicitamos que se faga con celeridade e que non afecte ao normal desenvolvemento dos servizos sociais do Concello”.

O señor alcalde, o popular, José Andrés García Cardeso, ademais de responder de malos modos ao noso concelleiro, algo ao que xa é unha constante nos plenos municipais, e meter presa para que este fixera a súa pregunta sen demorar, manifesta que a traballadora social primeiro ten que presentar a súa renuncia, que el só sabe o que apareceu na prensa e polo de agora non hai ningún movemento.

Todos os temas relacionados cos servizos sociais son remitidos á concelleira de cultura

O pasado mes de xuño varios veciños e veciñas se puxeron en contacto con nós queixándose de que debido á ausencia da traballadora social non podían realizar trámites relacionados cos Servizos Sociais e que no Concello todo o relacionado con este sector era derivado á concelleira de cultura Alicia Blanco Sande, concelleira que ten unha dedicación na administración local de 20 horas semanais, ademais de ser unha persoa que non está autorizada, segundo a lexislación vixente, a ter acceso á información dos servizos sociais debido ao seu carácter confidencial.

Dende Compromiso por Galicia a través da nosa páxina web escribimos un artigo explicando con detalle toda esta problemática e así mesmo demandamos que é necesario contratar, na maior brevidade posible, o servizo dun traballador ou traballadora social para evitar que este problema se manteña por máis tempo, continúen desatendidos os tan importantes programas de axuda social do Concello da Baña e os nosos veciños e veciñas estean ben informados e asesorados por unha persoa titulada en traballo social.

traballo social_xullo_2018Publicación en “El Correo Gallego”
traballo social_xullo_2018__Publicación en “La Voz de Galicia”

No mesmo artigo tamén incidiamos en que xa existías unhas listas de substitución para ese posto que están colgada na web do Concello da Baña e que o máis rápido sería contratar canto antes a un traballador ou traballadora seguindo devandita lista, xa que o posto de traballo social é importantísimo e os nosos veciños e veciñas non poden estar máis tempo completamente desamparados en asesoramento e xestión dos servizos sociais.

foto_list_substitución_traballo_socialListas de substitución para o posto de traballo social

Onte mesmo, 18 de xullo, publicaron no BOP unha Resolución do alcalde da Baña pola que se aproban as bases xerais para a selección de persoal funcionario interino e persoal laboral temporal, mediante listas de substitución entendemos que para crear unha nova selección de persoal, entre outras, para o posto vacante de traballador ou traballadora social.

 

Por que o Concello demora tanto en seleccionar un novo traballador/a social?

Por que non contratan un substituto ou substituta da lista de substitucións?

Por que unha persoa sen a titulación axeitada se fai cargo dos servizos sociais do Concello?

Canto tempo seguiremos no Concello da Baña sen dispoñer duns servizos sociais axeitados?

 

Dende Compromiso por Galicia A Baña demandamos respostas ás seguintes cuestións e solicitamos de novo que se teña en conta a nosa petición de que polo ben da veciñanza da Baña se cubra a praza na maior brevidade posible.