A nosa primeira sesión plenaria

Que foi o que defendeu César Ramos onte na nosa primeira sesión de pleno da Baña?

1º) Establecer a periodicidade das sesións plenarias

O noso concelleiro propuxo plenos mensuais, e que estes debían ser a unha hora axeitada para que poidera asistir a maior cantidade de xente. Puxo como exemplo as oito da tarde. Unha hora na que a xente xa saiu do traballo ou non está comendo (o de onte celebrouse ás 13:30h). O alcalde dixo que había concellos nos que había plenos cada tres meses, que xa se probara outros días, sen éxito na asistencia.

Finalmente, estableciuse que o último mércores dos meses impares sexa cando se realicen as sesións ordinarias.

2º) Constitución da Xunta de Goberno Local

O noso partido cree que é un órgano de decisión como ese debería estar representado polos tres partidos. Votouse esa opción pero non obtivo a maioría necesaria. Estará formada polo alcalde e os tenentes alcaldes: Manuel Landeira, Manuel Tourís e Sandra López.

3º) Creación das Comisións informativas

Todas estarán formadas polo alcalde, e por tres do PP, dous do PSOE e un CxG.

Serán as seguintes: Patrimonio, Contas e Persoal; Obras, Infraestructuras e Urbanismo; Medio Rural e Medio Ambiente; Muller e Igualdade; Servizos Sociais, Educación, Cultura e Emprego; Promoción Económica e Relacións Veciñais, e Xuventude e Deportes.

4º) Elección de representantes nos órganos colexiados de competencia do pleno

José Andrés García, Manuel Landeira e Roberto Rial serán os representantes na Mancomunidade do Tambre, (mancomunidade de servizos como o lixo e alumeado público), Alicia Blanco, no colexio de San Vicente e a escola de Lañas, e Manuel Landeira no GDR Terras de Compostela.

5º) Determinación dos cargos con dedicación exclusiva ou parcial e retribucións.

Chegamos ao punto máis problemático do pleno. José Andrés García cobrará 40.000 euros brutos e a concelleira Alicia Blanco, 12.000 euros brutos anuais, ambos repartidos en 14 pagas. Toda a oposición votamos en contra desa proposta. O noso concelleiro engadiu que non era ético cobrar como alcalde máis de 4 veces o salario mínimo interprofesional nun concello con menos de 3.500 habitantes.

Na páxina de Facebook de Compromiso comparamos hai uns días o soldo do noso alcalde cos soldos dos alcaldes das grandes cidades da provincia. José Andrés acusounos de facer demagoxia, que eses datos non estaban ben, que o deles eran netos e o seu bruto, que os alcaldes desas cidades delegaban as súas funcións en asesores e que el o facía todo, poñendo como exemplo o traballo dun director dunha caixa de aforros na Baña co dun de Coruña. Tamén dixo que César iba a ver a súa nómina, que según el cobraba menos de 2.000€ ao mes, e que estaba dirixido por Enrique Vázquez.

Acusacións que o noso concelleiro, moi educadamente, rebatiu que non tiña nada que ver con Enrique (o alcalde debe seguir tendo pesadelos con el), que os datos das nosas comparacións sacamolos de La Voz de Galicia, (como se pode ver nunha esquina desa imaxe) e que se eran incorrectas que denunciara a ese medio, xa que nós non inventamos ningunha cifra. Tan só as contrastamos porque nos pareceu unha barbaridade que o noso alcalde cobre tanto como o da Coruña ou o de Santiago, tendo en conta a poboación da Baña respecto a desas cidades.

O asunto non quedou aí, e o noso alcalde puxose a comparar o seu traballo e as súas correspondentes retribucións a dunha antes moi apreciada e respectada profesión: a de mestre. Dicía el que só tiña 30 días de vacacións, namentres os mestres tiñan máis do doble, que iban o colexio este mes de xullo a ler o periódico, que el non traballaba só unhas horas ao día, senón todo o día.

Outra vez César Ramos, pola parte que lle toca, xa que é mestre en Santa Comba, contestoulle a ese exemplo, dicindo que podería estar horas defendendo esa profesión, e que non é comparable un cargo político cunha profesión. Finalizaba preguntandolle se está como rexidor porque pensa que o seu cargo é un posto de traballo ou está por vocación, para servir aos seus veciños.

6º) Determinación dos gastos de representación, axudas de custo e indemnizacións

Neste punto o noso concelleiro dixo que non lle parecía ben que se cobrara por asistir as reunións de órganos colexiados. Por asistencia a plenos e a comisións, os concelleiros e concelleiras cobrarán 75 euros, medida que César non apoiou.