A empresa que xestiona o punto limpo da Baña está en situación de insolvencia.

A empresa madrileña SOIL RECOVERY S.L exerce  diferentes labores de limpeza de colectores, xestión de puntos limpos, recollida de lixo, ou traballos de depuradoras de auga. Moitos concellos galegos encomendaron estas labores con servizos externalizados aos que concorreu esta empresa. Esta empresa presta servizos ata en trinta concellos galegos, no Concello da Baña SOIL RECOVERY é a empresa encargada da xestión do punto limpo municipal situado na parroquia de Lañas.

Esta empresa informou, a mediados de agosto, aos seus traballadores e traballadoras da enorme débeda que tiña a propia empresa e de que estaba en situación de insolvencia deixando aos seus empregados nunha situación de indefensión total.

A Central Sindical Galega (CIG) reclama aos concellos galegos, que son os principais clientes da empresa, que tomen medidas ao respecto e teñan en conta a situación na que quedan os traballadores e traballadoras. Segundo recolle a prensa, SOIL RECOVERY, tamén informou aos concellos desa situación indicando que procederan como mellor conveña. Segundo explica a CIG, algúns deles optarán por rescatar as concesións e noutras buscarán unha nova empresa que se faga cargo do contrato. A CIG denuncia que estes trámites non son inmediatos e que, mentres non se cumpren os prazos, os traballadores están nunha situación de indefensión e despedidos. Por iso reclaman aos concellos que se acorden deles á hora de xestionar o problema e que se encarguen de pedir a subrogación dos contratos existentes á nova concesionaria.

DENDE CXG XA SOLICITARAMOS INFORMACIÓN SOBRE ESTA EMPRESA

Dende Compromiso por Galicia xa preguntaramos en pleno ordinario como era xestionado o punto limpo do Concello da Baña e cal era o servizo que ofrecía a empresa SOIL RECOVERY polo que o Concello pagaba 2587,23 euros mensuais.

http://abana.compromiso.gal/cronica-pleno-ordinario-febreiro-2017-2/

 

O pasado luns comentáronnos que o material de refugallo que habitualmente recollen polas vivendas os primeiros luns de cada mes para seren transportados ao punto limpo, eran levados á nave propiedade do Concello da Baña, situada nas inmediacións do CPI de S. Vicente e non ao punto limpo de Lañas, tal como se facía anteriormente. Supoñemos que é unha circunstancia momentánea e puntual derivada dos problemas comentados máis arriba coa empresa SOIL RECOVERY.

 

NINGUNHA INFORMACIÓN POR PARTE DO CONCELLO DA BAÑA

Observamos na prensa que outros concellos galegos como o de Oroso ou o de Ordes xa realizaron movementos referentes á empresa adxudicataria na xestión do lixo pero nada sabemos, até o de agora, do Concello da Baña, xa que non hai na páxina web do Concello ningunha información ao respecto e non sabemos como están xestionando a día de hoxe o punto limpo de Lañas.

A información da web do Concello da Baña no apartado de “Punto Limpo”, como se pode apreciar está en construcción (e leva así dende que se creou a páxina).

http://concellodabana.gal/index.php/servizos/punto-limpo

Dende Compromiso por Galicia queremos coñecer se a situación da empresa SOIL RECOVERY afecta ao servizo de xestión de residuos do Concello da Baña, queremos saber como afecta esta situación aos traballadores do punto limpo do Concello, como se está a levar a xestión de residuos estes días, se se está a cumprir a normativa vixente en materia de xestión de residuos e demandamos seguridade na xestión do residuos e que o grupo de goberno explique as decisións que se van adoptar ao respecto.

 

Fontes:
https://www.lavozdegalicia.es/amp/noticia/arousa/ribadumia/2018/09/01/denuncian-soil-recovery-insolvente-piden-soluciones-empleados/0003_201809A1C3993.htm
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/ribadumia/2018/09/01/denuncian-soil-recovery-insolvente-piden-soluciones-empleados/0003_201809A1C3993.htm
https://www.farodevigo.es/portada-arousa/2018/09/01/cig-alerta-situacion-trabajadores-empresa/1953891.html
https://www.elcorreogallego.es/area-de-compostela/ecg/reclaman-seguridade-na-xestion-do-punto-limpo-mantemento-ordes/idEdicion-2018-08-24/idNoticia-1133677/
https://www.elcorreogallego.es/area-de-compostela/ecg/oroso-sustituye-empresa-recoge-basura/idEdicion-2018-09-05/idNoticia-1135511/