A Deputación denégalle a subvención para investimentos culturais 2016 ao concello da Baña

subvención investimento cultural 2016

Hoxe coñecíamos a resolución da Deputación da Coruña na que se aproba a concesión definitiva de subvencións correspondentes ao programa FO202, un programa de subvencións a concellos e entidades locais para a realización de investimentos culturais, durante o ano 2016. No BOP do 15 de abril publicabase a concesión provisional, na que descubríamos que se desestimaba a solicitude do noso concello. Para que se entenda todo o proceso véxase este pequeno resumo do que pasou con esta subvención:

  • O Concello da Baña solicitou a subvención da Deputación da Coruña para investimentos culturais. Para o PP da Baña o investimento cultural é a reparación do reloxo da casa do concello e a adquisición de mobles para o salón de plenos. O importe subvencionable era de 17.916,35 €.
  • O 8 de abril, a Deputación desestima esta solicitude na concesión provisional por non ser un investimento cultural.
  • Abrese un prazo de 10 días, no cal o Concello presenta as súas alegacións:
    • O reloxo é considerado un ben de interese cultural por ter máis de cen anos de antigüidade.
    • O salón de sesións préstase como sala multiusos do concello no que teñen lugar eventos culturais. (Primeira nova que temos!!!)
  • O 4 de xullo, a Deputación desestima estas alegacións porque o concello non acredita:
    • A singularidade e o interese cultural e patrimonial do reloxo.
    • Nin que o mobiliario solicitado para o salón de sesións se utilice para o desenvolvemento de actividades culturais.

No último pleno César Ramos, o noso concelleiro, preguntaba se se cambiara o obxecto desta subvención, para que non se perdera a oportunidade de conseguir esta subvención e entendía que o arranxo dun reloxo non era un investimento cultural. Namentres, o alcalde dicía que non se podía cambiar o obxecto, que tiña que ser relacionado co que se pediu, e que tiña constancia de moitos concellos que si que se lles concedeu esa subvención por actuacións semellantes.

Lendo na concesión provisional do 15 de abril, “Abrir o prazo de 10 días … para que os solicitantes poidan comunicar, se é o caso, o desestimento da solicitude, presentar solicitude de reformulación ou de cambio de obxecto da subvención, presentar alegacións ou presentar emenda de erros.” fai que a teoría do alcalde de que “o obxecto ten que ser relacionado co que se pediu” quede descartada.

Así que agora só queda o recurso para tentar conseguila.