A Consellería (PP) volve reducir o servicio de atención primaria e de pediatría do centro médico da Baña

Nos últimos días observamos algo que xa é recorrente en moitos puntos de Galicia no tempo de verán. A Xunta de Galicia volve recortar onde, se cadra, menos debería facer, na Sanidade Pública. O certo é que a día de hoxe no Centro Médico da Baña, existe un facultativo menos de atención primaria e o servizo de pediatría, que xa era precario (consultaba só os martes e xoves) agora vese reducido atendendo ás crianzas só un día por semana.

Fontes do Centro de Saúde da Baña comunícannos que estes recortes débense a que o servizo de pediatría dos Concellos da Baña, Negreira, Santa Comba e Mazaricos, debido a vacacións dos facultativos, concéntranse no Concello de Santa Comba e os demais Concellos sofren modificacións nos horarios e servizo de pediatría .

A morte, a principios deste mes, dun sexaxenario no PAC da Estrada, puxo en evidencia a importancia dos recortes efectuados pola Xunta de Galicia en materia de sanidade.

sanidade-2018-08-20-a-las-22-54-12

Dende S.O.S SANIDADE PÚBLICA manifestan o seguinte:

1.- Consideramos que este suceso é o resultado da política de recortes de recursos sanitarios (mentres se despilfarran recursos na colaboración público privada de centros, na concertación con centros privados ou en medicamentos innecesarios ) levada a cabo polo goberno da Xunta (Partido Popular) para reducir gasto público e favorecer ao sector sanitario privado (cada vez máis potente en Galicia), algo que vimos denunciando desde fai anos dende a Plataforma.

2.- Os recortes non afectan só aos servizos de urxencias (que carecen do persoal necesario para atender todas as urxencias), senón tamén a toda a Atención Primaria onde non se cobren as baixas e vacacións do persoal de medicina de familia ou se pechan consultas de pediatría. Isto xera situacións inaceptables como a masificación das consultas (máis de 50 pacientes ao día), a aparición de listas de agarda nos centros de saúde (que superan amplamente a semana) ou que ás familias deban realizar grandes desprazamentos para que o seu fillos sexan atendidos por pediatras. Esta  situación supón unha barreira que dificulta  o acceso á asistencia, deteriora a calidade na atención, e Xera una gran malestar social e profesional. Se non se corrixe a tempo, a atención primaria pode entrar nun proceso de degradación de difícil reversión.

3.- A escusa do SERGAS de que falta persoal dispoñible resulta inaceptable xa que é consecuencia da ausencia de planificación, dunha desastrosa política de persoal baseada na precarización (obriga a emigrar a moitos profesionais) e da incapacidade para xestionar o sistema dos actuais responsables da Consellería e do SERGAS.

sanidade

COMPROMISO POR GALICIA A BAÑA xa solicitara con anterioridade unha mellora deste servizo.

Dende CxG A Baña non podemos permanecer alleos a esta problemática relacionada cos recortes en sanidade, que como vemos tamén está tendo repercusión no noso Concello.

No pleno ordinario de 1 de agosto do ano pasado, xa demandamos melloras no servizo sanitario da Baña e solicitamos ao Concello da Baña que pedira á Consellería de Sanidade unha mellora no servizo de pediatría para que, polo menos, este servizo xa precario non se vise prexudicado na temporada estival. Como se pode ver nas imaxes, ao alcalde non lle gusta a pregunta, contesta de malos modos ao noso concelleiro e xustifica a ausencia do pediatra.

“As vacacións, teño que dicircho, a pesar de que Cristina Cifuentes non colle vacacións, teñen que sufrir as consecuencias das vacacións” “Non collas vacacións ti tamén”

Palabras textuais de García Cardeso ao noso concelleiro César Ramos no pleno de agosto de 2017

Dende CxG A Baña non estamos de acordo co que menciona o señor alcalde no anterior video, polo que entregamos unha nova instancia no rexistro municipal pedindo que o Concello da Baña solicite á Consellería de Sanidade unha mellora no servizo do Centro de Saúde da Baña para que os servizos existentes non se vexan reducidos e que inste á Consellería de Sanidade a que remate cos recortes nun ámbito tan importante como é a sanidade pública.