25 de novembro Día Internacional CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

O 10 de novembro do pasado ano entregamos no Concello da Baña unha moción sobre a loita contra a violencia machista na que solicitamos o seguinte:

  1. Organizar unha campaña de sensibilización e información sobre a violencia de xénero, que chegue a todos os sectores de poboación, para que os veciños  e veciñas da Baña fagan conciencia do que está a ocorrer, coñezan maneiras de actuar nestes casos facilitando información sobre protocolos, lugar e forma de pedir axuda ou denunciar, tanto para vítimas como para testemuñas.
  2. Facilitar o acceso aos servizos sociais das vítimas, asegurando a súa confidencialidade. Por iso cremos que a oficina de servizos sociais , non ten unha ubicación correcta, nin é axeitada para a atención de vítimas. Propoñemos a casa da cultura como unha alternativa.
  3. Facer actos de concienciación para involucrar a mozos e mozas na loita contra esta lacra social.
  4. Comprometerse a condenar publicamente calquera novo caso de violencia machista, mostrar o apoio público ás vítimas e reivindicar debidamente cada 25 de novembro o día internacional da loita contra a violencia machista.

A moción é tratada e aprobada co voto favorable de todos os concelleiros e concelleiras no pleno ordinario de novembro, aínda que se exclúe o punto 2, así mesmo o alcalde di textualmente:

“Ante unha moción deste calibre, unha lacra na sociedade que estamos padecendo, entre todos temos que sacala adiante. Poñemos todos os medios: igualdade, servicios sociais, centro de información á muller, todo e queda pouco… Todos os días do ano hai que estar incidindo continuamente non solo o 25 de novembro, non podemos acordarnos de Sta. Bárbara cando trone”.

http://abana.compromiso.gal/cronica-do-terceiro-pleno-ordinario (Crónica do pleno).

https://youtu.be/zVvXLf23E0Y?t=317 (Ver minuto exacto do pleno onde é tratada a moción).

A día de hoxe, máis dun ano despois, mentres Concellos limítrofes organizan actos e campañas de concienciación e condena pública da violencia machista, no Concello da Baña durante todo este tempo non houbo na páxina web do Concello nin unha soa referencia a este tema.

– Para que se aproban as mocións se despois non se levan os acordos adoptados á práctica?

– Para que é necesaria unha concellaría de Muller e Igualdade se finalmente carece de traballo ao longo de todo o ano?

– Está sendo o alcalde coherente con todo o exposto no pleno?