23 de febreiro de 2018, 20 anos do pasamento de Daniel García Ramos

daniel_garcia_20_anos

Hoxe, 23 de febreiro de 2018, cúmprense 20 anos do falecemento de Daniel García Ramos, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de Galicia, galego egrexio e fillo predilecto do Concello da Baña.

Daniel naceu na Baña o 16 de abril de 1933 e finou en Compostela, o 23 de febreiro de 1998 de forma repentina. Dende sempre García Ramos mostrou un grande afecto e predilección pola terra que o veu nacer e, aínda que residía en Compostela, sempre que o seu traballo llo permitía se achegaba ao seu Concello natal para pasar o tempo de lecer.

“Eu penso, e son moi parcial porque o sentimento imponse ao sistema de toda racionalidade, e ademais eu profundizo precisamente nese profundamento ao falar da Baña que é unha das vilas máis preciosas que hai, enmarcada na dozura e na fermosura do Val que ben dado polo río Albariña e polo río Barcala. eu penso que os dous nomes, o Albariña en si mesmo, dalgunha maneira, lembra, rememora situacións de vivencia especial, case como cantaría o propio nome da dozura e a fermosura daquel val. Eu penso que estou esencialmente, profundamente condicionado na miña vida, incluso na miña perspectiva interior anímica do que é Galicia, a través das miñas vivencias, xa non de infancia, incluso posteriores, vividas no meu pobo da Baña”.

Estas palabras de Daniel son as que encabezan o documental “A forza da palabra” sobre a vida de Daniel García Ramos.

LIGAZÓN AO DOCUMENTAL

 partida_danielFotografía de Javier Iglesias na que se pode ver a Daniel xogando a partida no Bar de Cesáreo

Home dotado dunha espléndida intelixencia, que soubo utilizar coma ninguén para interpretar axeitadamente a norma xurídica, foi merecente de moitos recoñecementos públicos. Seu foi o mérito de celebrar a primeira vista oral do Tribunal Superior de Xustiza en lingua galega, sen descoidar a previsión legal de contar cun tradutor para non provocar indefensión xurídica das partes e testemuñas. Como teórico do dereito as súas achegas para a compilación do dereito civil galego, formando parte da comisión promovida polo Parlamento de Galicia, dan mostra dos moitos coñecementos que tiña das nosas institucións xurídicas. Foi un dinamizador brillante e eficaz do proceso de normalización lingüística, participando activamente en congresos e como conferenciante, sen esquecer os seus estudos xurídicos sobre o alcance da cooficialidade lingüística. García Ramos forma parte xa desa pléiade de xuristas galegos que alentaron a nosa identidade como pobo diferenciado, exercendo o seu maxisterio con fundamento científico e acendido verbo.

Participou no Simposio Internacional de Linguas Europeas e Lexislacións (1992) e no Congreso da Cultura Galega co artigo “Situación legal do galego” (1992). Colaborou en Grial. Escribiu a obra “O réxime xurídico da lingua galega, 1990” e participou tamén na obra colectiva “Contos da Xustiza, 1991″. No ano 1991 recibiu o I Premio San Martiño de Normalización Lingüística no Concello da Estrada.

 busto_daniel_garcia_ramosBusto na Praza do Concello da Baña

O 5 de xullo de 1998 nomeouse fillo predilecto do Concello da Baña nun acto multitudinario e descubriuse na praza do Concello un busto no seu honor e en lembranza da súa xenerosidade.

acto_daniel_garciaActo de proclamación como Fillo Predilecto do Concello da Baña

Dende Compromiso por Galicia queremos co noso traballo homenaxear e poñer en valor o traballo desenvolvido polas personalidades que naceron no noso Concello e dende a nosa humilde posición render tributo aos persoeiros que polo seu traballo e dedicación na defensa da lingua e a cultura galega contribuíron a engrandecer o nome do Concello da Baña.