CxG solicita explicacións ao novo rexedor polo veto a unha traballadora do Concello da Baña para ser contratada como monitora no campamento lúdico-deportivo deste verán

Tan só cinco días despois da investidura do señor José Antonio Pereira Gil como novo rexedor do Concello da Baña, infórmannos de que por decisión unilateral do novo alcalde, a traballadora do Concello Luciana García Freita, que nos últimos veráns exercía, entre outros traballos, labores de coordinación dos campamentos de verán no Concello da Baña, non será contratada para titorizar esta actividade que dará comezo o vindeiro 1 de xullo.

Segundo as nosas fontes o rexedor deu indicacións  ao xerente da empresa contratada de que non contara cos servizos desta traballadora debido a “varias queixas” das familias dos nenos e nenas que participaron noutras edicións dos campamentos lúdico-deportivos.

luciana_foto_Concello_BañaArriba á esquerda Luciana García, nunha imaxe dunha actividade no Concello da Baña FONTE: concellodabana.gal

Dende CxG queremos que o rexedor explique publicamente o motivo real de vetar a esta traballadora a escasos 10 días do comezo de devandita actividade lúdica estival, nun momento no que, evidentemente xa se realizaran traballos previos de organización.

A traballadora en cuestión tamén é concelleira da oposición no Concello de Negreira

Dá a casualidade que esta persoa, que leva traballando máis de 6 anos nos campamentos de verán, tamén é concelleira da oposición na Corporación de Negreira, Concello gobernado tamén polo PSOE, e queda a dúbida de se o feito de prohibir a súa participación nos campamentos de verán, tal como viña facendo os últimos anos, responde a criterios obxectivos ou simplemente a criterios partidistas e con ánimo de represalia política do señor Pereira.

No caso de ser certas as “queixas veciñais” en contra desta traballadora, dende CxG pedimos unha copia das mesmas e esiximos as pertinentes explicacións públicas, tendo en conta que é de difícil credibilidade que esas queixas veciñais existiran nos primeiros días de goberno socialista no Concello da Baña e a escasos días de comezar a actividade lúdica.

Dende CxG lembramos ao actual goberno municipal da Baña que a selección de persoal do Concello debe realizarse atendendo aos principios de mérito e capacidade para o posto a desempeñar, no que todas as persoas deben ter as mesmas oportunidades e baixo ningún concepto se ten dereito dende a alcaldía a dar indicacións ás empresas contratadas de quen debe formar parte do seu persoal laboral.

Premendo aquí pódese descargar a instancia entregada